jueves, 13 de diciembre de 2007

CENTRO SOCIO

A coordinadora de EJE xa procedeu á inscricion da nosa cooperativa co número 200708560 e asignounos como centro socio a cooperativa EJECUTIVOS DOROTEAS do Colexio Paula Frassinetti, de Avilés (Asturias).

A continuación a presentación que enviou o noso centro socio a EJE :

"Hola a todos: Somos 28 chicos/as del Colegio Paula Frassinetti, y tenemos entre 14 y 16 años. Nos encontramos en el municipio de Avilés, en Asturias. Nuestro colegio lleva participando con sus cooperativas desde hace 5 años y este es el primer año de colaboración de nuestra clase. Nuestra cooperativa se llama Ejecutivos Doroteas y tenemos como objetivo aprender a llevar el mundo empresarial a nuestras aulas y a aprender a llevar una empresa (clientes, proveedores, productos, gastos, ingresos, etc.). También servirá para contactar con las cooperativas de otros países y/o de otras comunidades autónomas y conocer a otros alumnos que participan en esta actividad importante para nuestro futuro. Desde nuestra clase les enviamos un saludo a todas las cooperativas y a todas las personas que lleva esta actividad a cabo y les invitamos a los colegios que no participan a participar en ella. Un saludo la clase de 4º B."
O seu logotipo é o seguinte:

O seu organigrama:
Dende Cambre (A Coruña), recibide un afectuoso saúdo de todos os socios/as de MERCASIGRÁS.


domingo, 18 de noviembre de 2007

UNHA PEQUENA PRESENTACIÓN DE MERCASIGRÁS (PARA SER ENVIADA A VALNALÓN -COORDINADORA DE EJE-)

Somos 8 alumn@s do I.E.S. David Buján, de Cambre (A Coruña) que estamos a estudar 3º ESO.
O noso instituto está na parroquia de Sigrás do municipio de Cambre, por iso eliximos o nome de MERCASIGRÁS para a nosa cooperativa.

No noso Instituto tamén se imparten estudos de Bacharelato, Ensinanza Secundaria para Adultos (ESA) e ademais hai un Programa de Garantía Social (PGS).

En Cambre pódense visitar moitos lugares de interese: a igrexa Románica Santa María de Cambre do século XII e moi preto está o Museo arqueolóxico. Un tramo do Camiño Inglés (Camiño de Santiago) transcorre polo noso municipio. Tamén é moi bonito o contorno do río Mero e a ponte romana que hai na súa desembocadura na ría de O Burgo.

En Cecebre (Cambre) atópase un importante encoro dende o cal se subministra auga potable á cidade de A Coruña e outros municipios limítrofes. Moi cerca de aquí está a "Fraga de Cecebre", un fermoso bosque que inspirou a novela "O Bosque animado" de Wenceslao Fernández Flórez. Probablemente moitos de vós veriades a película que en 1987 dirixiu José Luís Cuerda a partir desta novela.

A poucos Km. de Cambre podemos visitar a cidade de A Coruña, onde podemos gozar do seu longo Paseo Marítimo, da súa fermosa Cidade Vella, da Praza de María Pita, dos seus interesantes museos como a Casa do Home (Domus), a Casa das Ciencias e o seu Planetario, o Museo Arqueolóxico no belo Castelo de San Antón e, como non, da famosa Torre de Hércules, faro romano que aínda segue en funcionamento e que recentemente foi designado candidato a converterse en Patrimonio da Humanidade.

viernes, 16 de noviembre de 2007

ESTES SON OS NOSOS ESTATUTOS

ESTATUTOS DA COOPERATIVA MERCASIGRÁS

CAPITULO I

DENOMINACIÓN, DOMICILIO, OBXECTO SOCIAL E DURACIÓN.

Artigo 1.- Denominación e réxime legal.

Coa denominación de MERCASIGRÁS constitúese unha Sociedade Cooperativa con personalidade xurídica, organización e administración propias.

Artigo 2.- Domicilio Social.

O domicilio social da cooperativa establécese en Camiño dos Cacharros, 1 (Os Campóns, Sigrás), 15181-CAMBRE. Teléfono: 981 61 31 46. Fax: 981 61 31 73

Artigo 3.- Obxecto social.

A actividade económica que, para o cumprimento do seu obxecto social, desenvolverá a cooperativa é a compra-venda de produtos a nivel interrexional e/ou internacional.

Artigo 4.- Duración.

A sociedade constitúese por tempo limitado: dende Setembro de 2007 a Xuño de 2008.

CAPITULO II

DOS SOCIOS

Artigo 5.- Persoas que poden ser socios.

Poden ser socios traballadores desta cooperativa os alumnos de 3º ESO-D do IES “David Buján de Cambre que participan no proxecto “Empresa Xoven Europea”, sendo en todo caso necesarios un mínimo de 4.

Artigo 6.- Adquisición da condición de socio.

Para adquirir a condición de socio traballador, no momento da constitución da cooperativa, será necesario desembolsar as cantidades establecidas nestes Estatutos.

Artigo 7.- Obrigas dos socios traballadores.

Os socios traballadores están obrigados a:

a) Asistir ás reunións da Asemblea Xeral.

b) Cumprir cos seus deberes así como cos acordos validamente adoptados polos órganos sociais da cooperativa.

c) Participar nas actividades que desenvolva a cooperativa, mediante o seu traballo persoal durante as horas e días que “Empresa Xoven Europea” ten fixados no horario do grupo, ademais das horas e días que fosen precisos para o desenvolvemento de dito proxecto.

d) Gardar segredo sobre aqueles asuntos e datos da cooperativa cuxa divulgación poida prexudicar os intereses sociais.

e) Non realizar actividades competitivas coas actividades empresariais que desenvolve a cooperativa, salvo autorización expresa do Consello Reitor.

f) Aceptar os cargos para os que fosen elixidos, salvo causa de escusa aceptada pola Asemblea Xeral.

g) Efectuar o desembolso das súas achegas ó capital social na forma e prazos previstos.

h) Participar nas actividades de formación.

Artigo 8.- Dereitos dos socios traballadores.

Os socios traballadores teñen dereito a:

a) Ser elector e elixible para os cargos dos órganos sociais.

b) Formular propostas e participar con voz e voto na adopción de acordos pola Asemblea Xeral e demais órganos sociais dos que formen parte.

c) Recibir a información necesaria para o exercicio dos seus dereitos e o cumprimento das súas obrigas.

d) Prestar o seu traballo persoal na empresa cooperativa.

e) Percibir a parte que corresponda, no seu caso, do excedente neto, e participar no reparto do haber social no momento da disolución da cooperativa.

Artigo 9.- Dereito de información.

a) Todo socio traballador poderá exercitar o dereito de información.

b) Será responsabilidade do Consello Reitor que cada socio traballador reciba unha copia dos Estatutos da cooperativa e das modificacións que se vaian introducindo nos mesmos.

c) Todo socio traballador ten libre acceso ó Libro de Rexistro de socios e Achegas ao Capital Social, así como ó Libro de Actas da Asemblea Xeral no domicilio social da cooperativa.

d) Todo socio traballador poderá solicitar, por escrito, ó Consello Reitor as aclaracións e informes que considere necesarios sobre calquera aspecto da marcha da cooperativa, que deberá ser contestado polo Consello Reitor na primeira Asemblea Xeral que se celebre dende a presentación do escrito.

Artigo 10.- Baixa dos socios.

O socio traballador pode darse de baixa voluntariamente na cooperativa mediante preaviso por escrito ó Consello Reitor.

Á data da baixa, procederase ao reembolso ao socio das súas achegas ó capital social. De non existir liquidez a esa data, o socio terá que esperar á disolución da cooperativa para percibir tal reembolso.

Será causa de baixa obrigatoria do socio, perder a condición de alumno/a do IES “David Buján ou realizar un cambio de grupo incompatible coa participación no proxecto.

A baixa tamén será obrigatoria se o socio fose sancionado coa expulsión da cooperativa por infraccións graves.

Artigo 11.- Faltas.

A tipificación das faltas agrúpase en graves e leves:

Son faltas graves:

a) A falsificación de documentos, firmas, marcas, claves ou datos análogos, relevantes para a relación da cooperativa cos seus socios traballadores ou con terceiros.

b) A non participación na actividade mediante o seu traballo persoal.

c) Violar segredos da cooperativa que prexudiquen gravemente os intereses da mesma.

d) A usurpación de funcións do Consello Reitor, de calquera dos seus membros, ou da Interventora.

e) O incumprimento das obrigas económicas coa cooperativa.

f) O fraude, a deslealdade e o abuso de confianza na xestións encomendadas.

g) As faltas reiteradas de puntualidade non xustificadas.

h) A ocultación de datos relevantes respecto dos útiles, produtos ou servizos necesarios para o desenvolvemento da actividade da cooperativa.

i) A inasistencia inxustificada ás Asembleas Xerais debidamente convocadas.

j) Os malos tratos de palabra ou de obra a outros socios traballadores con ocasión de reunións dos órganos sociais ou con ocasión da realización dos traballos.

k) A falta de disciplina no traballo.

l) O incumprimento das ordes e instrucións do Consello Reitor e das obrigas concretas do posto de traballo ou as neglixencias das que se deriven ou poidan derivarse prexuízos para a marcha da cooperativa.

m) A desconsideración co público no exercicio do traballo.

n) O incumprimento das normas e medidas de seguridade e hixiene do traballo establecidas, cando do mesmo poidan derivarse riscos para a saúde e a integridade física do socio traballador.

o) A acumulación de cinco faltas leves constituirá tamén falta grave.

Son faltas leves:

a) A incorrección leve co público ou con outros socios traballadores da cooperativa.

b) O atraso, neglixencia ou descoido leve no cumprimento das súas tarefas.

Artigo 12.- Sancións e prescrición.

As sancións que se poderán impoñer ós socios traballadores pola comisión de faltas, serán:

a) Por faltas graves, realización de traballos adicionais, suspensión ó socio traballador dalgúns dos seus dereitos ou expulsión.

b) Polas faltas leves, a sanción poderá ser de amoestación verbal ou por escrito.

Todas as infraccións prescribirán un mes despois da súa comisión, sen poder ser sancionadas tras este período.

Artigo 13.- Órgano sancionador e procedemento.

A facultade sancionadora, respecto ás infraccións a que se refire o artigo 11 destes Estatutos é competencia do Consello Reitor.

Respecto do procedemento para sancionar as faltas o Consello Reitor é o encargado de incoación do oportuno expediente, así como de acordar a sanción que corresponda, previa audiencia do interesado, quen poderá formular as súas alegacións. O acordo de sanción poderá impugnarse ante a Asemblea Xeral no prazo de tres días dende a súa notificación.

A Asemblea Xeral deberá ratificar a sanción proposta polo Consello Reitor ou propoñer unha alternativa. A Asemblea será asistida polo profesor que dirixe o proxecto, quen actuará como coordinador en todo o proceso, con voz pero sen voto.

CAPITULO III.

ÓRGANOS DA SOCIEDADE:

A Asemblea Xeral.

Artigo 14.- Composición e clases.

a) A Asemblea Xeral, constituída validamente, é a reunión dos socios traballadores para deliberar e tomar acordos, como órgano supremo da expresión da vontade social.

b) Os acordos da Asemblea Xeral, adoptados conforme á Lei e a estes Estatutos, obrigan a todos os socios traballadores, incluso ós que non teñan participado na reunión.

c) As Asembleas Xerais poderán ser ordinarias ou extraordinarias. A Asemblea Xeral reunirase, ao menos, unha vez ao trimestre, en sesión ordinaria, para a súa constitución, para a aprobación do programa de actividades previstas, para tratar do orzamento e da aprobación das contas. As demais reunións terán carácter extraordinario, e poderán ser convocadas a iniciativa do Consello Reitor ou, por un número de membros da Asemblea non inferior ao 40%.

A convocatoria da Asemblea deberá notificarse a cada un dos membros, ao menos, cun día de antelación á data de celebración.

Artigo 15.- Competencias.

Correspóndelle en exclusiva á Asemblea Xeral a adopción dos seguintes acordos:

a) A aprobación do Plan Empresarial da cooperativa.

b) Nomeamento e revogación por votación secreta dos membros do Consello Reitor e do Interventor.

c) Aprobar o orzamento de ingresos e gastos.

d) Coñecer, discutir e aprobar, no seu caso, as propostas do Consello Reitor.

e) Exame da xestión social, aprobación das contas e da distribución de excedentes ou imputación de perdas.

f) O establecemento de novas achegas obrigatorias ou voluntarias.

g) Autorizar a venda de bens da cooperativa e tomar diñeiro a préstamo.

h) A modificación dos Estatutos.

Así mesmo poderá debater a Asemblea sobre cantos asuntos sexan de interese para a cooperativa, sempre que consten na Orde do Día.

Artigo 16.- Convocatoria da Asemblea Xeral.

a) A Asemblea Xeral será convocada polo Consello Reitor, que fixará a Orde do Día da convocatoria.

b) A Asemblea Xeral extraordinaria convocarase a iniciativa do Consello Reitor ou a petición dun número non inferior ao 40% dos socios.

c) Non será necesaria a convocatoria sempre que estando presentes ou representados tódolos socios da cooperativa, estes decidan por unanimidade darlle á reunión carácter de Asemblea Xeral Universal.

d) A Asemblea Xeral estará presidida polo Presidente do Consello Reitor; actuará de Secretario o que o sexa do Consello Reitor.

Artigo 17.- Dereito de voto.

a) Cada socio ten dereito a un voto, agás naqueles casos nos que o acordo verse sobre unha situación de conflito de intereses entre o socio traballador e a cooperativa.

b) O dereito de voto poderá exercitarse por medio doutro socio traballador. En caso de ausencia previsible dalgún socio, este poderá delegar o seu voto noutro socio sempre que así o faga constar nun escrito debidamente asinado no que se sinale a data de validez do mesmo.

Artigo 18.- Adopción de acordos.

a) A Asemblea Xeral adoptará os acordos por máis da metade dos votos validamente expresados, non sendo computables a estes efectos os votos en branco nin as abstencións.

b) Será necesaria a maioría dos dous terzos dos votos presentes para adoptar acordos de modificación de Estatutos e para esixir novas achegas obrigatorias ó capital social.

Artigo 19.- Acta de Asemblea.

a) A acta da Asemblea, que deberá redactar o Secretario da mesma, expresará o lugar e a data das deliberacións, o número de socios traballadores asistentes, se se celebra en primeira ou en segunda convocatoria e un resume dos asuntos debatidos.

b) A acta da sesión deberá ser aprobada pola propia Asemblea Xeral ao final da reunión ou, ben, no seu defecto, na próxima reunión da mesma.

En todo caso, a acta pasarase ó correspondente Libro de Actas da Asemblea Xeral, polo Secretario da mesma.

Artigo 20.- Impugnación de acordos da Asemblea Xeral.

Os acordos da Asemblea Xeral que sexan contrarios á Lei ou a estes Estatutos, ou que vaian contra os intereses da cooperativa, poderán ser impugnados polo Interventor ou por socios que representen polo menos o 20% do total de votos sociais.

O Consello Reitor.

Artigo 21.- Natureza, composición, elección.

a) O Consello Reitor é o órgano de goberno, xestión e representación da cooperativa, con subxección á Lei, a estes Estatutos e á política xeral fixada pola Asemblea Xeral.

b) Estará formado por tres membros:

1. Presidenta: Agustín Antúnez Oréfice

2. Vicepresidenta: Cristina Brea Martínez

3. Secretario: Martín López Martínez

c) O Presidente do Consello Reitor, que o é tamén da cooperativa, ten a representación da sociedade.

d) Os cargos de Presidente, Secretario e Vicepresidente serán elixidos por sufraxio universal, directo e secreto pola Asemblea Xeral.

e) O Secretario/a actuará con voz pero sen voto, e coidará o arquivo, redactará cantos documentos afecten á marcha administrativa da cooperativa, e levará o Libro Rexistro de Socios e o Libro de Actas.

f) Poderán ser cesados cando o acorde así a Asemblea Xeral.

g) Tamén poderán cesar por baixa voluntaria, en cuxo caso deberá celebrarse unha Asemblea Extraordinaria, no prazo dunha semana para proceder á súa substitución.

Artigo 22.- Responsabilidade dos membros do Consello Reitor.

a) Os membros do Consello Reitor actuarán coa dilixencia debida e con lealdade á representación e responsabilidade que posúen.

b) Responderán solidariamente fronte á cooperativa, fronte ós socios e fronte a terceiros do dano causado por actos contrarios á Lei ou a estes Estatutos, ou polos realizados sen a dilixencia coa que deben desempeñar o cargo.

Artigo 23.- Funcións.

a) Ostentar a representación da cooperativa, convocar e presidir a Asemblea Xeral e executar os acordos da mesma.

b) Dirixir a xestión da cooperativa, velando polo cumprimento do seu obxecto social.

c) Crear os departamentos que considere necesarios.

d) Organizar as actividades da cooperativa.

e) Confeccionar os documentos contables que deben ser aprobados pola Asemblea Xeral con posterioridade.


Do Interventor

Artigo 24.- Nomeamento do Interventor.

O Interventor será un socio/a elixido/a pola Asemblea Xeral, mediante sufraxio universal, directo e secreto, na mesma convocatoria na que se levase a cabo a elección dos membros do Consello Reitor. (O cargo será desempeñado durante este curso por Leticia Pereira Muíños)

Artigo 25.- Funcións.

O Interventor deberá comprobar as contas presentadas polo Consello Reitor.

CAPÍTULO IV

RÉXIME ECONÓMICO.

Artigo 26.- Responsabilidade.

Os socios traballadores non responderán persoalmente das débedas sociais

Artigo 27.- Capital Social.

a) O Capital Social da Sociedade Cooperativa estará constituído polas achegas de natureza económica realizadas polos socios. Inicialmente constitúese con achegas de 10 € por socio, o que fai un total de 80 €.

b) As achegas acreditaranse mediante títulos nominativos non negociables. Deberá reflectirse en todo caso a parte de capital subscrito e non desembolsado.

c) As achegas realizaranse en moeda de curso legal.

Artigo 28.- Achegas obrigatorias.

a) A achega obrigatoria mínima para ser socio traballador será de 10 € (dez euros) e deberá desembolsarse ao longo do segundo trimestre.

b) A Asemblea Xeral, por acordo adoptado por dous terzos dos votos validamente expresados, non sendo computables a estes efectos os votos en branco nin as abstencións, poderá esixir novas achegas obrigatorias, fixando a contía, prazos e condicións de desembolso. O socio que tivera desembolsadas achegas voluntarias poderá aplicalas a cubrir, en todo ou en parte, estas novas achegas obrigatorias.

c) O socio que non desembolse as achegas nos prazos previstos incorrerá en morosidade e poderá ser suspendido dos seus dereitos políticos e económicos ata que normalice a súa situación, e se non realiza o desembolso no prazo de dúas semanas dende que fose requirido, poderá ser expulsado.

Artigo 29.- Achegas Voluntarias.

A Asemblea Xeral poderá acordar a admisión de achegas voluntarias ó Capital Social. O acordo establecerá a contía global máxima, e a súa retribución.

Artigo 30.- Financiamentos que non integran o Capital Social.

A cooperativa, previo acordo da Asemblea Xeral, poderá solicitar axudas ou subvencións e/ou solicitar préstamos.

Artigo 31.- Reembolso das achegas.

No caso de baixa do socio traballador, procederase á liquidación das achegas realizadas.

Artigo 32.- Distribución dos excedentes netos.

A Asemblea Xeral, en reunión ordinaria, por máis da metade dos votos, acordará o reparto dos beneficios obtidos.

Artigo 33.- Exercicio económico. As contas.

a) Ao remate do curso 2007-2008 quedará pechado o exercicio económico.

b) Establécese como prazo máximo, ata a última semana lectiva do curso actual para que o Consello Reitor formule todas as contas e realice a proposta de distribución de beneficios ou de imputación de perdas e propoña a liquidación e reparto do haber social.


CAPITULO V

DOS LIBROS DA SOCIEDADE

Artigo 34.- Documentación social e Contabilidade.

A cooperativa levará en orde e ó día, ó menos, os seguintes Libros:

a) Libro de Rexistro de Socios e Achegas ó Capital Social. Nel constará a relación de socios cos seus nomes e apelidos, así como o seu DNI, enderezo e, no seu caso, cargo que ostenten na cooperativa.

b) Libro de Actas da Asemblea Xeral. Recollerá todos os puntos tratados nas súas reunións ordinarias e/ou extraordinarias.

c) Libro de Actas do Consello Reitor. Recollerá os acordos adoptados por este órgano.

d) Libros de Contabilidade, nos que figurarán todos os ingresos e gastos da cooperativa, os resultados e as operacións de liquidación resultado da disolución da cooperativa.


CAPITULO VI

DA DISOLUCIÓN E LIQUIDACIÓN

Artigo 35.- Causas de disolución.

A cooperativa disolverase:

a) Por acordo da Asemblea Xeral, adoptado pola maioría de dous tercios dos votos presentes e representados.

b) Por cumprimento do termo fixado nestes estatutos ao finalizar a nosa actividade empresarial.

Artigo 36.- Liquidación.

Cumpridas as formalidades legais sobre disolución da cooperativa, abrirase o período de liquidación.

Artigo 37.- Adxudicación do haber social.

a) Non se poderá adxudicar nin repartir o haber social ata que se satisfixesen integramente as débedas sociais.

b) Satisfeitas as ditas débedas, o remanente do haber social adxudicarase pola seguinte orde:

1. Reintegraráselles ós socios o importe das achegas que efectuasen ó capital social.

2. O sobrante, se o houbese, poñerase a disposición dos socios, de acordo co establecido en Asemblea Xeral constituída ao efecto.

¡XA TEMOS LOGOTIPO!

Este foi o logotipo elixido por maioría de votos para a nosa cooperativa entre todos os que tiñamos deseñados. As oito figuras iguais que o compoñen represéntannos a cada un de nós, os oito compañeir@s que integramos o grupo. Esperamos que vos guste.

PRESENTACIÓN

Somos 8 alumn@s do I.E.S. David Buján, de Cambre (A Coruña) que estudamos 3º ESO. O noso instituto está na parroquia de Sigrás do municipio de Cambre, por iso eliximos o nome de MERCASIGRÁS para a nosa cooperativa.

No noso Instituto, ademais da ESO, tamén se imparten estudos de Bacharelato, Ensinanza Secundaria para Adultos (ESA) e un Programa de Garantía Social (PGS).

En Cambre pódense visitar moitos lugares de interese: a igrexa Románica Santa María de Cambre do século XII e moi preto está o Museo arqueolóxico. Un tramo do Camiño Inglés (Camiño de Santiago) discorre polo noso municipio. Tamén é moi bonito o contorno do río Mero e a ponte romana que hai na súa desembocadura na ría de O Burgo.

En Cecebre (Cambre) atópase un importante encoro dende o cal se subministra auga potable á cidade de A Coruña e outros municipios limítrofes. Moi cerca de aquí está a "Fraga de Cecebre", un fermoso bosque que inspirou a novela "O Bosque animado" de Wenceslao Fernández Flórez. Probablemente moitos de vós veriades a película que en 1987 dirixiu José Luís Cuerda a partir desta novela.

A poucos Km. de Cambre podemos visitar a cidade de A Coruña, onde podemos gozar do seu longo Paseo Marítimo, da súa fermosa Cidade Vella, da Praza de María Pita, dos seus interesantes museos como a Casa do Home (Domus), a Casa das Ciencias e o seu Planetario, o Museo Arqueolóxico no belo Castelo de San Antón e, como non, da famosa Torre de Hércules, faro romano que aínda segue en funcionamento e que recentemente foi designado candidato a converterse en Patrimonio da Humanidade.